En pouco máis de 50 días escribimos outro futuro presente, con ollos de corentena
Hai cincuenta días comezou así, de súpeto, un tempo de reflexión nun confinamento obrigado para a maioría, e agora estamos nunha longa conta atrás, que pode durar outro tanto, e que deixa claro que a paciencia é unha gran virtude en tempos revoltos, mentres tentamos dar esquinazo ó coronavirus.
Está a ser tempo de novos pensamentos, vellas e novas cancións, novas palabras e con novos usos, tempo de memoria, de balanzo, de respirar fondo para retomar a vida, non tal como a coñecemos, senon diferente… tampouco esto é novo, pero agora é obrigado.
Vivimos neste mes e medio tempos de confusión, inconsciencia, toxinformación, bulocracia, infodemia, teleformación, videochamadas, “memes” resultóns, debates furibundos en redes sobre educación, política, adaptación, fenda dixital, fotografía … e toca agora o novo futuro, a co-gobernanza, co-laboración e, tamén como antes, moita moita comunicación, en calqueira das súas variantes, ou todas á vez.
Retomamos, neste blogue, as historias de ideas extraordinarias locais, para contar unha máis, a máis colectiva das contadas até agora, cecais só comparable a narración dunha guerra.
Imos contar unha das historias desta nova Guerra Mundial, contra o virus, extraordinaria porque nunca antes coñecimos en carne propia algo tan semellante a guerra d@s nos@s avós/as. Protagonizar esta historia pode acercarnos a el@s.
A nosa guerra vírica e a súa guerra fratricida comparten medos (a morrer, a enfermar, a desatender todo aquelo que cuidábamos, a quedar sen diñeiro), incertidume das mil rutinas interrumpidas sen previo aviso, ansiedade de ter 24 horas de tempo en bucle para atender as necesidades de comer e durmir… e quen sabe que máis.
A nosa é moito máis breve, pero igual que naquela guerra, da que aínda quedan testemuñas nas familias, nesta tamén aprendemos a crear novas rutinas, inventar novas experiencias, retomar as deixadas por falta de tempo… ou descubrir esas que facían outr@s por nós.
Atopamos nestes días a calma, medrosa, incerta, ansiosa… pero tamén a creativa, a que nos permite pensar no futuro, medindo xa o que poderemos facer ou deixando voar o maxín a soños incumplidos que igual agora son posibles…
Pasamos tempo cada día na procura de información e de un “xa pasou, xa pasou todo”, que nos convenza de que todo foi un pesadelo curto, reversible…pero eso non chegou.
As persoas que seguiron co seu traballo afrontaron novos retos impensables antes, e as que ficamos na casa vivimos días que, dende xa, serán nexo entre nós. Para @s confinad@s durante 50 días, semiconfinad@s despois, será fácil comprendernos pois vivimos por separado unha experiencia intensa e común.
Tod@s percorremos a ponte de 50 días, e agora que estamos a punto de chegar á outra beira, irémonos atopando, e botando contas dos seres humanos que nos faltan, que tamén son moit@s.
Hoxe, neste blogue contamos a historia da travesía desa ponte… entre o tempo pre- e o pos- pandemia. Millóns de persoas fixemos ese camiño, aínda que non puidemos vernos nel.
En 50 fotografías tomadas con un teléfono móvil na casa, dende a fiestra ou de camiño a unha tenda, algunha haberá que conte a túa historia tamén… eso agardamos… e pode ser un caderno máis desa viaxe común.
Como foi a túa “cincontena” de confinamento? Parécese a algunha destas imaxes?
(galería con fotografías e texto publicadas, casi todas, antes en “Historias” de Instagram)