Petróglifo milenario marca o solsticio de inverno en Paderne

  • Comentarios da entrada:Sen comentarios
                                    Ladislao Casro (esquerda) e afeccionados no Petróglifo A Tapada, Penelas (Paderne). 15/12/24. Todalas fotos: Rosa Veiga

Esto vai dunha gran pedra escollida na Prehistoria (un 4000 anos antes de C.) pola súa orientación cara o Sol, nunha leira de Paderne . Lavráronlle liñas e coviñas que a trocaron en rocha cerimonial para o solsticio invernal, cando o astro diurno comeza a quecer a terra para facela productiva, en cada ciclo anual.

E aí segue, nunha leira de Penelas, Paderne. É unha pedra de 7,5 metros de longo e 2 m. de ancho, que é barco, muralla ou castelo para os ollos de nenas e nenos. Agora redescuberta polos adultos que ven nela, de novo, algo especial. O mesmo debeulles pasar a habitantes da zona e camiñantes que poderían vela seguindo a Vía da Plata (Camiño de Santiago dende o Sul, por Portugal), a poucos metros.

Lucía Pazos xogou arredor desa roccha na súa infancia. Ela mesma foi quen redescubriu o petróglifo para o seu rexistro patrimonial. A súa familia vive na aldea de Couceiro (pegada a Penelas), no municipio de Paderne. Habitualmente vive en Santiago de Compostela e traballa como Enxeñeira Técnica Agrícola pero na pandemia tivo a “lucidez” de “fuxir” cara a casa da súa nai, ca parella e dous fillos pequechos. Alí foi doado para eles combinar traballo e lecer e quedaron durante todo un ano.

José Luis Galovart na Tapada o 15/12/2024. foto Rosa Veiga
Esta imaxe ten o atributo alt baleiro; o seu nome de arquivo é be_DSC9557-1024x684.jpg
Lucía Pazos na Tapada o 30/12/24. Foto Rosa Veiga

“Castelo” para xogos infantís e calendario solar

“A casa da miña nai está a 500 metros dunha gran pedra que durante a miña infancia foi centro de xogos e aventuras con outros nenos, mentres recollíamos a herba, e e sen prestarlle máis atencións”, lembra Lucía da súa infancia.

A pandemia marcou os seguintes encontros ca peneda da súa infancia: “os  meus fillos repetiron xogos no mesmo lugar e nese 2020 eu mireina con outros ollos, afeccioados xa a xeoloxía”, relata agora.

Tamén soubo do catálogo aberto en internet para petróglifos galegos na web de patrimonio galego, e comezou a visitar os máis próximos a Paderne e a acostumalos ollos a detectar coviñas, liñas… e calqueira marca feita nunha pedra.

De novo diante da gran rocha da súa infancia, descubriu relevos combinados de coviñas, curvas e liñas, e contactou con José Antonio Gavilanes, catalogador na plataforma  dixital creada por Manuel Gago no 2011. Abriu ficha na que a rocha pasou a identificarse como petróglifo da Tapada  e mesmo outro perto del, ao que lle chamaron Tapada II. Están perto da estrada e con acceso sinxelo dende ela, por unha fermoso camiño  entre valados de pedras fincadas e cachotes de granito…

Lugar marcado para cerimonia de fin de ano agrícola

Estudosos do patrimonio e afeccionados reuníronse o pasado 21 de decembro (no día máis curto do ano), e noutras dúas ocasións máis, antes e despois do dia do solsticio, para comprobar a orientación do petróglifo respeito ó Sol.

O día 21 non puido comprobarse pois o día comezou e rematou con moitas nubes en movemento que mantiveron o ceo nubrado até o solpor. A observación do solsticio levou a ese lugar ó grupiño acompañado por Ladislao Castro, Israel Barandela  e José Luis Galovart, portadores de una pequena escada, cámaras fotográficas e de teléfono móvil para rexistrar, gardar e compartir en redes ese momento.

O matemático e afeccionado á arqueoastronomía José Luis Galovart, explicou o interese  da orientación da peneda lavrada respeito o Sol (sexa cara o amencer ou cara o solpor), como o ten tamén nas igrexas. “Estamos nuha chaira e fronte ó petróglifo está o cumio onde se pon o Sol, así que o ano acabará e comezará aí”.

Fronte a Tapada está o cumio no que se produce o solpor, e  no que está o castro de Armea. O matemático destacou que os autores de coviñas e liñas na peneda habitaron o lugar antes de construir o castro. “En Galicia hai pouco traballo sobre arqueoastronomía pero cada vez está máis recoñecido este tipo de estudo centrado na prehistoria, megalitismo, dólmenes… tamén en relación cos eclipses, situación da Lúa e outros elementos más complexos”, engadiu.

A súa afección polo estudo destas aliñacións comezou hai 25 anos. Ladislao Castro presentouno ós asistentes como o “primeiro que comezou a percorrer os petróglifos de Galicia en días de equinoccio e solsticio, cun pauciño, para estudar a sombra que proxecta neses días chave no ciclo agrario e a súa relación con liñas e outros motivos”.

A parte da comprobación dese aliñamento entre o petróglifo e o solpor no día do solsticio, “suficiente para que teña interese”, aludiu á presenza de auga e unha pendente próximas, como elementos de conexión.

“Nuns anos, poderíase celebrar aquí a festa de Fin de Ano, pois é un lugar fermoso con moita historia e co solpor de fondo, se as nubes o permiten”.

Petróglifo, castro, culto medieval e procesión con bendición dos campos

                                                               Israel Barandela en A Tapada 15/12/24

Pola súa banda, o profesor de Prehistoria Ladislao Castro (da Universidade de Vigo, campus de Ourense) detallou, para os participantes na excursión, que no estudo de petróglifos como elementos dun calendario solar “non sempre é fácil establecer a relación co Sol pero a pedra da Tapada ten certa forma de flecha, a finais do verán de 2024 estivemos para comprobar a posible aliñación e agora, en decembro, vimos que é perfecta”.

En relación a datación, relatou que a tipoloxía máis sinxela é a representación de armas e sábese que son do Calcolítico e da Idade do Bronce inicial. O lavrado de “coviñas” como as de Paderne, comezou antes, no Neolítico (aproximadamente 4000 anos a. de C.), e seguíu despois: “este petróglifo podería ser desa etapa anterior a Idade do Bronce, mesmo ser propiamente neolítico pola pouca estrutura que amosa este conxunto de coviñas, e pola orientación da rocha apuntando cara o solsticio de inverno”

Esa aliñación puido facer dela una “pedra sagrada” na que lavrar coviñas correspondentes a ritos de fertilidade que se sabe tiñan lugar neste momento do ano.

O 21 de decembro ( tamén uns días antes e despois desa data) o fin do solpor cadra nun cumio chamado Outeiro dos Pendóns, no que se celebra cada maio (en 2025 será o día 29) o día da Ascensión ca Procesión dos Pendóns dende Santa Mariña de Augas Santas.

O cortexo relixioso deténse nun penedo no que o sacerdote fai a “bendición dos campos”, ritual comunitario anterior a calquera relixión, cadrando co solsticio de inverno para conmemorar o momento no que o Sol comeza a ampliar o seu percorrido e da incio a un novo ciclo agrario, e agora pervive como tradición primaveral. Esta bendición dos campos faise tamén na Semana Santa de Monforte de Lemos e mesmo hai vestixios en festas de abril en Mogor (Pontevedra).

A peneda que agora centra esa bendición na primavera forma parte do poboado galaico-romano de Armea, habitado até o século IV (escavado en campañas sucesivas nos últimos anos).

Arqueoastronomía: o deus Sol

Petróglifo, penedo dos Pendóns, castro de Armea, percorrido da Santa con forno, piucas arredor do val da Rabeda…. son un exemplo das historias e lendas de martirios “creados para que a xente siga cas suas tradicións no momento en que chega unha nova relixión, e así veu sendo en Galicia até o século XX”.

Así, neste caso hai un antecedente da tracional procesión e da narración arredor do martirio de santa Mariña de Augas Santas. O “trasunto” é Navia, a divinidade femenina máis popular e extendida no espazo galaico prerromano, según lembrou Ladislao. A asimilación de ambas representa o sucedido noutros lugares no momento en que contactan tradicións locais e cristinanismo, chegado como relixión imperial.

A relixión imperial necesitou insertarse en cada lugar, así que utilizáronse os santos como elementos con historias que facilitaban a conxunción das creenzas preexistentes cas recén chegadas.

Na leira de Paderne, as coviña e liñas lavradas da Tapada xa foran rexistradas para a Historia. Fixérase ca análise a base de fotogrametrías de Álex Negreira e do arqueólogo Xabier Moure (os dous colaboradores na web de Patrimonio Galego). Agora con Lucía, José, Ladisalo e Israel, queda documentada a súa relación co solpor no solsticio de inverno, o que lle da máis relevancia por representar a conexión entre rituais paganos agrarios do pasado e os conservdos até hoxe, despois de ser parte dos diferentes xeitos de vida dos últimos 6000 anos neste espazo próximo á cidade de Ourense.

                                                                     Afeccionados e estudosos de excursión até A Tapada o 15/12/2024. foto Rosa VeigapAR

 

 

Para ver máis sobre este petróglifo:

Deixa unha resposta