Confinad@s ou sen confinar, a radio é… Liverdade!

con No hay comentarios

Manuela "Nolas", Alba, Diego, Fran, Idoai e Rober

Ourense ten unha radio comunitaria dende 2017 e dende que naceu quere medrar libre e veraz.

Hai poucas en Galiza, pero diversas e necesarias porque son un espazo no que escoitar a voz de persoas, colectivos e movementos que, habitualmente, non se escoitan nin se ven noutros medios de comunicación, porque a súa voz é diferente e probablemente minoritaria…

Radio Liverdade é visible unha vez ó ano nas rúas de Ourense, con programas abertos e á vista de calqueira veciñ@ e visitante, pero naceu e medra nas casas e espazos das persoas e grupos que a fan posible.

A radio comunitaria de Ourense naceu con obradoiros de técnica básica o 6 de novembro de 2016. Trala formación d@s primeir@s interesad@s, foron xurdindo e medrando programas dende o 13 de febreiro de 2017, para conmemorar o Día da Radio.

Dende o comezo concordouse que sería una «radio libre, comunitaria, autoxestionada, horizontal, itinerante, colaborativa e en galego», con persoas do activismo e dos movementos sociais da cidade interesadas «na comunicación, en contar historias e en falar»…e neso siguen.

O «collage« radiofónico de Alfonso

Casi dende o comezo, o poeta, editor, fotógrafo… Alfonso Rodríguez emite o seu programa «Na marxe incorrecta do río». Participou nas asambleas e obradoiro iniciais porque «cando era novo» descubrira Radio Bemposta, fixera programas durante 2 anos na Casa da Xuventude (hoxe Espazo Xove de Ourense) e despois en Radio Allariz, e quedáronlle gañas.

Estas experiencias previas foron totalmente diferentes entre sí e Alfonso decidiu agora mellorar en Radio Liverdade a fórmula que ensaiou en Allariz. «A radio gústame moito, porque é creativa», asegura, e considera que esa canle é ideal para o seu xeito de traballar «bastante individualista». Cada programa seu -o noveno foi en setembro- parte dun guión.

É autor de collage e explica ó seu xeito de traballar na radio como algo semellante: «fago un guión moi espontáneo con cousas que colleito en internet durante semanas ou meses, músicas que me gustan, poemas meus e de outr@s, citas literarias, vídeos musicais …e cando xa teño toda a escolla en carpetas, vou bastante rápido».

Durante o confinamento emocionóulle un texto de Alfonso Pexegueiro, e descubriu un alegato contra «as persoas que utilizan a outras para os seus cometidos» que lle levou a berrar «eu non son o teu moneco» no seu audio… algunha canción e un par de historias inspiradas pola súa compañeira Adri… e velaí parte do collage que se escoita no programa de setembro.

«Gústame expresarme e decir o que me apetece e sempre estou a facer cousas»…

Para coñecer máis desas cousas que fai: publica nunha páxina  que comparte con Adriana, da contido a una editorial na que ten publicado un fotolibro, recita acompañado da música do arpista Luis Real no dúo Wordnoise , publica fotos nas redes sociais e as amosa en exposicións que o tiveron ocupado durante o confinamento…

Non pon data para o vindeiro programa radiofónico… precisa descanso despois da hiperactividade, que para él foi terapia, dos pasados meses.

Bandua, deus/a galaico agora radiofónic@

Neste mesmo ano 2020 naceu o programa «Efecto Bandua«, o 10 de marzo. Naceu para facer «grupos de xentes», tal como dí a traducción do nome de deus/a indíxena Bandua, documentado en Galiza, Asturias e Lusitania e vencellado á auga e ás comunidades.

Impulsado por un grupo de ourensás, o programa tece redes para abrila radio á participación más aló das persoas que o 10 de marzo arrincaron para «facer visible a situación das persoas imputadas na operación Jaro, e reivindicar os seus dereitos e liberdade», según explica Gema.

E unha semana despois, chegou a pandemia con confinamento…e foi obrigado «abrirse ó eido virtual» así que, o segundo programa paríuse confinado para falar da saúde, vertebrada ca agroecoloxía, e para «poñer en corentena» o medo á morte, «potente e reaparecido ca COVID», según nos conta Bea. No programa esoitanse profesionais sanitari@s e persoas que contaron a súa vivencia… falaron de emocións, na procura de estratexias personais e colectivas para ese momento, e para avivar o sentido crítico.

O tema deu para máis, o grupo foi variando e veuse arriba… abordou en sucesivos programas a presenza da morte en diferentes eidos, culturas e lugares do mundo. Durante horas divididas por temáticas, pódense escoitar poemas, textos de «O Bosque Animado» de Wenceslao Fernández Florez, músicas de eiquí e acolá e voces narradoras de contos e falares arredor da morte. Así podemos desfrutar dos podcast «Mil e uMha Mortes«, «A voltas ca morte: vive!«, etc.

Este traballo está feito por persoas con afinidades que viven un proceso de «aprendizaxe continua con cada programa», no que queren «dar voz a quen non a ten», como a d@s «dobremente confinad@s» por estar na cadea e sen visitas, como lembra Bea… e voltan dende setembro ca voz de activistas intedependentistas xuzgad@s na Audiencia Nacional neste mes de outubro.

Xa teñen tema para desenvolver no vindeiro programa, aínda sen data: a petite morte ou morte doce, momento posterior ó orgasmo, ca que queren abrir a fiestra cara tabúes como a sexualidade e o erotismo. Tocarálles de novo xuntarse virtualmente, facer unha choiva de ideas, reflexionar, investigar, acordar a perspectiva para abordar o tema e ir engadindo o que un@s e outr@s gravan co teléfono móvil, para construir un programa «xa con micros e cables» que se compartirá no blogue.

Se comezas agora a escoita de Radio Liverdade, atoparáste xa con unha variada programación: A Toupeira, Caleidoscopio, Furia Feminista dende abril… e até descubrirás como Soa o Silencio e lectura de contos e narración de historias para tódalas idades… Se xa a coñeces, igual estás medio animad@ a colaborar…non compren coñecementos técnicos, e sempre contarás ca axuda dos equipos que lle dan vida.

Radio Liverdade está en internet, con blogue para tódolos podcast e con redes sociais para outros contidos e enlaces ( facebook  , twitter e instagram ). Escollede a que prefirades ou directamente buscade no blogue para ter todo á mao… ou á orella.

Diante de tanto contido… deus nos colla confinad@s …ou non… para poder desfrutalo !!!

Na foto superior: Manuela "Nolas, Alba, Diego, Fran, Idoia, Emilio e Rober en 2018, na rúa
Liberdade, de Ourense.

foto: Rosa Veiga

Radio Liverdade na rúa en 2018. Alfonso Rodríguez á dereita                  foto: Rosa Veiga

Emilio e Lucien na rúa en 2018                                               foto: Óscar Pinal

Dejar un comentario