Antón… e os socalcos milenarios do Ribeiro

- 3 Comentarios

 

Antón Giráldez conta historias… as do val do Avia… as da sua familia que vive nel dende hai séculos…e fala ó tempo que percorre ca mirada todo ese val …a vista de paxaro…dende un penedo ó pé do cruceiro de San Lourenzo de Penas…e cando a narración desemboca nos seus viños… xa tes gañas de probalos.

Fala dos traballos para producir 90.000 botellas anuais dos blancos Alecrín, Ialma e O Rouso, e do tinto Castes. Ningún deles foi premiado nunca porque Antón non envía nin unha botella a concursos, pero fai promoción persoal do seu traballo, e en cada evento explica o proceso de cuidado, elaboración, embotellado e etiquetado individualizado que dan como resultado un viño “femenino, agradable, de moito sabor e amante… en todolos sentidos”.

A sua pequena adega de Cenlle By Alecrín está no rexistro da denominación de orixe Ribeiro no apartado de “colleiteiros”, que é a categoría dos viticultores que son ademáis pequenos productores de viño. O nome corresponde á flor do toxo e á do romeu, e todo, na adega e nas historias que conta Antón, da vida ós máis vellos da familia… eses que falan dun viño “amante” cando deixa un sabor tan bo na boca, que pide beber máis.

O Ribeiro socalcado

Na comarca do Ribeiro “hoxe descapitalizada de xente e de tecnoloxías”, según Giráldez, a historia do val do Avia xestouse “cando o abade de San Clodio, Pelagio González, testou entre os anos 1028 e 1036 para que os propietarios dos coutos de todo o val continuasen a roturalo monte, construir muros para contelas ladeiras e prantar viñedos”.

Está convencido de que aquel abade “sentou as bases da prosperidade do mosteiro” e con ela, a do Ribeiro moderno. “Así que esta comarca vitivinícola ten mil anos, nos que a xente foi socalcando e metendo cartos e tempo, o que deixa claro que o Ribeiro non é creación de institucións nin administracións, senon dos que habitamos este val”… e relata fazañas cotiás que inclúen a construción de lagares pétreos, casetos e infinitos portelos que permiten subir e baixar polas viñas levando os centos de pedras que forman cada socalco.

E dende o abade Pelagio, Antón leva o seu relato até comezos do século XX, porque ten documentada a herdanza de terras do seu avó en 1929. “Cando era un neno de 9 anos tocáronlle viñas prantadas xa con cepas americanas, despois da filoxera, e unha mellora que consistíu en cen cubas e moitas ferramentas e útiles de adega”, relata.

Así que é bisneto, neto, fillo e sobriño de viticultores…pero sigue indagando na historia familiar por si a tradición ven dende máis lonxe. Todalas xeracións das que ten constancia fixeron socalcos, e o propio Antón leva 10 anos mellorando as suas viñas con novos muros e portelos.

Pés, maos e tradición

Con semellante bagaxe familiar na viticultura, Antón atribuese só o mérito de “conceptualizala tradición herdada”…pero ademáis de levantar socalcos e roturar os arredores das viñas para que lles entre máis sol e ar…nestes días de verao anormalmente húmidos ten que pasar moitas horas segando a herba nacida en abundancia e esfollando as vides para fuxir da podremia…ca axuda do pai.

Considera que os traballos tal como os desenvolve, resultan do seu “diálogo ca tradición” e dalles o valor engadido de “homenaxe” a todos os que antes que él “romperon a sua vida rompendo a terra, na loita por conseguir cada vez mellores uvas”. As del son treixadura, torrontés, godello, caiño longo, brancellao e sousón.

Ó non telo pulo comercial dos premios, os viños de By Alecrín teñen unha promoción “artesá”, feita polo propio Antón en restaurantes e eventos de Madrid, Barcelona, toda Galicia e alí onde o chamen.

3 Respuestas

  1. Carlos Perez Vilan
    | Responder

    Non se poden facer millór as cousas.
    Que a vida o sol e a hunedade te acompañen Anton. BICAZIS

  2. Clara
    | Responder

    Fantástico

  3. Carmen
    | Responder

    Os mellores viños do mundo?
    Os da provincia de Ourense

    Os meus favoritos?
    Os do Ribeiro

Deixar un comentario